Ana Ortiz destaca en Baiona o apoio da Xunta á modernización da estación de servizo Monte Real
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou este luns a estación de servizo Monte Real, en Baiona, unha das empresas beneficiadas polas axudas autonómicas destinadas á modernización tecnolóxica e dixital das gasolineiras do ámbito rural.
A empresa baionesa recibiu unha achega próxima aos 20.000 euros, que lle permitirá incorporar melloras nos sistemas asociados ao pago, reforzando así a súa competitividade e a calidade do servizo que presta á veciñanza e ás persoas que visitan o municipio. A actuación enmárcase na orde de apoios da Consellería de Economía e Industria dirixida a estacións de servizo situadas en concellos de ata 20.000 habitantes, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, ou en parroquias consideradas zonas pouco poboadas no caso de municipios de maior tamaño.
Durante a visita, Ana Ortiz estivo acompañada polo alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e subliñou a importancia destas axudas para garantir servizos básicos no rural e avanzar na dixitalización do tecido empresarial galego. A representante autonómica explicou que a convocatoria está orientada á mellora do equipamento tecnolóxico e dixital das gasolineiras, así como á incorporación de sistemas de seguridade.
Entre as actuacións subvencionables inclúense as instalacións necesarias para implantar o servizo de retirada de efectivo, novos equipos e plataformas de pago e sistemas para a adquisición de produtos e servizos. Trátase dunha medida que resulta especialmente relevante en zonas onde o acceso a oficinas bancarias é limitado.
O orzamento total da convocatoria ascende a 800.000 euros, cun máximo de 30.000 euros por solicitude, ata 5.000 euros para a adquisición de grupos electróxenos e ata 1.500 euros para a instalación de desfibriladores.
O pasado ano beneficiáronse destas axudas 45 estacións de servizo en toda Galicia. Ademais, na actualidade son xa 104 as gasolineiras galegas nas que se pode retirar efectivo, consolidando un servizo que contribúe a dinamizar e fixar poboación no territorio.
