Gondomar

Alberto Meira, á conquista do campionato galego de rallys en Lugo

Alberto Meira xógase o campionato galego de rallys este sábado en Lugo

O piloto gondomareño Alberto Meira xógase este sábado en Lugo o título do Campionato Galego de Rallys de Asfalto 2025, nun emocionante final de tempada que se decidirá no 47º Rally San Froilán.

Meira, copilotado por Unai Conde e ao volante do seu Skoda Fabia R5, chega á cita lucense con opcións de coroarse campión, nun duelo directo contra o coruñés Vítor Senra, que competirá co seu Hyundai i20 Coupé WRC acompañado por José Murado.

O Rally San Froilán, organizado pola Escudería Miño Lucense, contará con catro tramos diferentes a dobre pasada, sumando algo máis de 93 quilómetros cronometrados. A acción comezará o sábado pola mañá cos treitos de Outeiro de Rei (11,4 km) e O Corgo (12,5 km). Pola tarde, a competición continuará en O Páramo-Goián (11,22 km) e na gran novidade desta edición, o treito de Samos (11,4 km).

A cerimonia de saída celebrarase o venres ás 19:30 horas dende a praza de Horta do Seminario, mentres que o parque de traballo estará situado en Outeiro de Rei, que tamén acollerá dous reagrupamentos, ademais dun terceiro en Sarria.

Un aspecto técnico relevante é a presenza de tres vehículos WRC na liña de saída —os de Antonio Pérez Orozco e Néstor Casal (Skoda Fabia WRC) e Eduard Viñolas e Isaac Borrell (SEAT Córdoba WRC)—, o que permite que Senra non teña que aplicar o coeficiente de penalización, un detalle que podería resultar determinante na loita polo título.

O Rally San Froilán será, así, o escenario no que se decida quen se converte no novo campión galego de rallys, cunha comarca do Val Miñor pendente do resultado de Alberto Meira, o seu representante máis destacado no automovilismo galego.