Abrindo portas, proxecto de fomento da lectura de Gondomar, premiado pola Deputación de Pontevedra
- O programa Abrindo Portas, impulsado polo Concello de Gondomar a través da Concellería de Cultura de Nuria Lameiro, foi recoñecido nos IX Premios Provinciais á Xuventude da Deputación de Pontevedra como a iniciativa xuvenil máis participativa, cun total de 111 candidaturas na gala celebrada este xoves no Salón de Plenos do Pazo Provincial. Estes premios recoñecen o talento da mocidade nas artes, na investigación e na sociedade, e repartiron preto de 31.000 euros entre os 39 gañadores en 12 categorías.
A gala estivo conducida pola xornalista Bibiana Villaverde e contou coa actuación musical de André Touza, gañador do ano pasado na categoría de mellor traballo musical co seu grupo Barallocas. O presidente da Deputación, Luis López, destacou o compromiso da institución coa mocidade, presentando á provincia como a “mellor plataforma posible para impulsar o talento da mocidade”, fronte a outras plataformas dixitais.
Abrindo Portas consiste nun programa de fomento da lectura entre mozos e mozas a través das redes, no que cada mes se presentan bloques de títulos arredor de diferentes temáticas de interese xuvenil. Ata o momento, máis de 500 mozos e mozas participaron activamente a través da OMIX, achegándose á lectura como alternativa aos contidos dixitais.
O alcalde de Gondomar subliñou que é un orgullo recibir este recoñecemento, que poñen de manifesto “o traballo incansable da concelleira Nuria Lameiro e da técnica da OMIX, que traballan por afastar aos rapaces das pantallas e achegalos aos libros”. Grazas ao galardón, Gondomar compartiu este premio ex aequo coa localidade de Ponteareas na categoría de Iniciativa Xuvenil dos Concellos.
A Deputación de Pontevedra renovou este ano o seu compromiso coa mocidade da provincia mediante programas de apoio á formación, á saúde mental e á creatividade, con iniciativas como +Xuventude e O Teu Espazo Xuvenil, e co orzamento previsto de 4 millóns de euros ata 2026.
