Abel Losada destaca a reforma do mercado de Oia como modelo de revitalización municipal
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, visitou este mércores as obras de rehabilitación do antigo mercado de abastos de Oia, unha actuación financiada con case 600.000 euros a través do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Durante a súa visita, estivo acompañado pola alcaldesa de Oia, Cristina Carrera, membros da corporación municipal, representantes do estudo Blanco Touza Arquitectos e da empresa construtora encargada da obra.
Losada destacou que esta reforma “exemplifica o compromiso do Goberno coa revitalización dos pequenos concellos, garantindo infraestruturas de calidade e novas oportunidades para a veciñanza”. O proxecto permitirá transformar o antigo mercado nun centro sociocultural polivalente, respectando a esencia arquitectónica do edificio e mellorando a súa accesibilidade e eficiencia enerxética.
Entre as principais intervencións realizadas, sobresae a renovación da cuberta en madeira, mantendo a estrutura orixinal de metal, así como a apertura dos muros cara ao mar, favorecendo un espazo máis aberto e integrado na paisaxe. O novo edificio contará con diferentes zonas de uso, incluíndo unha cafetería, espazos para actividades culturais e eventos, áreas de formación e traballo, zonas de venda de produtos e novos aseos.
O subdelegado do Goberno resaltou a calidade arquitectónica do proxecto e felicitou ao Concello de Oia pola súa iniciativa. “A chegada destes fondos demostra que o Goberno de España segue investindo na mellora dos servizos públicos, facendo que os fondos europeos cheguen a cada recuncho do país”, subliñou Losada.