GondomarVigo

A Zona Franca sitúa Gondomar no seu plan de actuación 2026 coa ampliación do Parque de A Pasaxe

O Plan de Actuación 2026 aprobado polo Comité Executivo da Zona Franca de Vigo inclúe a Gondomar entre os municipios nos que o Consorcio prevé avanzar de maneira concreta no desenvolvemento de solo empresarial, reforzando así o seu papel como axente clave na dinamización económica da comarca.

En concreto, o documento recolle a realización do estudo de viabilidade para o desenvolvemento da Fase II do Parque Empresarial de A Pasaxe, un proxecto estratéxico para Gondomar que permitiría ampliar a oferta de solo industrial e atraer novas iniciativas empresariais, xerando actividade económica e emprego no municipio.

Este avance en Gondomar enmárcase nun plan global que prevé investimentos próximos aos 84 millóns de euros en 2026, centrados na creación de infraestruturas, impulso ao emprendemento, innovación, sustentabilidade e dixitalización. O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, destacou que o Consorcio “segue crecendo como referente tecnolóxico e industrial”, mantendo ademais unha situación de débeda cero.

A nivel provincial, o Plan tamén contempla actuacións noutros concellos da área sur de Pontevedra, como a licitación do novo centro de negocios de Redondela ou convenios para novos parques empresariais en Caldas de Reis, Cuntis e A Cañiza. No caso de Nigrán, o documento non recolle actuacións específicas para 2026, máis alá do impacto indirecto que supón o reforzo da actividade económica e empresarial na contorna da área de Vigo.

A Zona Franca xestiona actualmente máis de 250 empresas e proxectos emprendedores, cun nivel de ocupación superior ao 90% nos seus parques empresariais, e mantén como prioridades o apoio ás start-ups, a captación de proxectos industriais estratéxicos e o desenvolvemento equilibrado do territorio.

Para Gondomar, o impulso á ampliación do Parque Empresarial de A Pasaxe sitúase como unha das oportunidades máis relevantes de futuro inmediato dentro da planificación do Consorcio para os vindeiros anos.