A Xunta somete a información pública a declaración do macizo rochoso de O Galiñeiro como espazo privado de interese natural
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático vén de abrir o período de información pública do proxecto de orde polo que se declarará como Espazo Privado de Interese Natural (EPIN) o Macizo Rocoso de O Galiñeiro, situado no termo municipal de Gondomar, e se aprobarán as súas normas de xestión e conservación.
Segundo o anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia do 8 de outubro de 2025, o obxectivo é garantir a protección dos valores naturais e xeolóxicos deste espazo de titularidade privada, no que existen hábitats e especies de interese para a biodiversidade galega.
O proxecto estará en exposición pública durante un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio. Durante este tempo, calquera persoa ou entidade poderá consultar a documentación e presentar suxestións ou alegacións.
Os documentos poden consultarse no Portal de Transparencia da Xunta de Galicia
E tamén na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, no apartado de participación pública:
As alegacións poderán presentarse a través do formulario en liña dispoñible no portal de transparencia, por correo electrónico a planificacion.conservacion@xunta.gal (indicando no asunto «EPIN Macizo Rocoso de O Galiñeiro»), ou por escrito ante a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015.
Esta declaración suporía un importante paso para o recoñecemento e protección oficial dun dos enclaves máis emblemáticos da comarca, de alto valor natural e paisaxístico, moi frecuentado por sendeiristas e escaladores.
