A Xunta retoma o luns os traballos de renovación do firme na Autoestrada do Val Miñor
A Xunta de Galicia retomará o luns 15 de setembro os traballos de renovación do firme na autoestrada do Val Miñor (AG-57), que se prolongarán ata o 19 de setembro en horario diurno.
As obras desenvolveranse entre os puntos quilométricos 19+000 e 22+000 do tronco principal e tamén no ramal de Nigrán. Durante estes días será necesario cortar un carril, mantendo sempre o outro aberto á circulación.
A intervención, cun investimento de máis de 150.000 euros, dá continuidade ás melloras executadas nos últimos meses nesta vía. En concreto, inclúe o estendido dunha nova capa de rodaxe en 8.067 metros cadrados, así como reparacións puntuais do firme e o selado de fisuras.
Segundo a Consellería de Infraestruturas, estes traballos forman parte do contrato de conservación coa concesionaria da AG-57 e teñen como finalidade garantir a calidade e durabilidade dos pavimentos e reforzar a seguridade viaria nesta contorna.
