A Xunta rescinde o contrato con Lugove e Nigrán demanda melloras no transporte público comarcal
O Concello de Nigrán reclama á Xunta de Galicia unha mellora integral do servizo de transporte público logo de confirmarse que o Goberno galego rescindirá de mutuo acordo o contrato coa UTE Lugove, encargada das liñas que cobren o Val Miñor e o Baixo Miño. O contrato, previsto para dez anos, quedará interrompido aos cinco, mentres se prepara unha nova licitación con melloras.
O alcalde, Juan González, cualifica como “insuficiente” o servizo prestado pola empresa e trasladou á Dirección Xeral de Mobilidade un documento coas achegas municipais para garantir un transporte “realmente útil e eficiente” na comarca. Entre as principais demandas figura o incremento das frecuencias entre Nigrán e Vigo, con intervalos de paso de 30 minutos durante todo o día, tanto no verán como no inverno, e o envío de autobuses de reforzo cando un vehículo circule completo.
O Concello solicita tamén unha mellora das conexións co Hospital Álvaro Cunqueiro e a implantación dun sistema de xeolocalización en tempo real, ademais da instalación de paneis informativos visibles e actualizados nas paradas.
Finalmente, Nigrán propón que a Xunta asuma directamente o servizo municipal Nigránbus, operativo desde 2022, dentro do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia. O rexedor lembra que este minibús “cumpre un fin social fundamental, conectando as parroquias do interior co núcleo urbano e ofrecendo independencia a persoas maiores ou sen vehículo propio”.
“É o momento de aproveitar a nova concesión para dotar o Val Miñor dun transporte digno, moderno e pensado para as persoas”, subliñou o alcalde.
