Gondomar

A Xunta reabre un carril da AG-57 ao seu paso por Gondomar para favorecer a circulación no Val Miñor

A Xunta de Galicia reabriu ao tráfico un dos carrís da AG-57, ao seu paso por Gondomar, co obxectivo de mellorar a fluidez da circulación nesta vía clave do Val Miñor.

As obras continúan avanzando na zona, onde hai dúas semanas se produciu un desprendemento nun noiro a consecuencia dos temporais rexistrados este ano. A maquinaria pesada segue a traballar no punto afectado mentres a administración autonómica procura axilizar a actuación o máximo posible, garantindo en todo momento a seguridade.

Cómpre lembrar que, aínda que o desprendemento non chegou a afectar directamente á calzada, ante o risco potencial de caída de material que quedou inestable na parte superior do noiro, optouse por pechar ao tráfico o carril en sentido Baiona como medida preventiva.

Os servizos técnicos continúan avaliando a situación e determinando as actuacións necesarias para estabilizar definitivamente o noiro e evitar novos incidentes.

O custo estimado desta intervención ascende a arredor de 110.000 euros.