A Xunta inviste 495.000 euros na reparación da estrada PO-331 ao seu paso por Gondomar
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o director territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, José Manuel González, visitaron este luns as obras de reparación da estrada PO-331, ao seu paso polo barrio de Rochela, en Gondomar.
A actuación está sendo executada pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) e conta cun orzamento de 495.671,50 euros, cun prazo de execución de sete meses. Trátase dunha obra de emerxencia co obxectivo de restituír a funcionalidade da drenaxe e garantir a estabilidade estrutural da estrada.
Os traballos comezaron en xuño cun desbroce e tala da vexetación no noiro do terraplén, así como coa desmontaxe da barreira de seguridade nun tramo de 80 metros. Tras fresar e retirar o pavimento, procedeuse á escavación da calzada ata unha profundidade de 13 metros para substituír as tubaxes e renovar a obra de drenaxe.
Actualmente, xa foi colocado un novo pozo e as súas embocaduras, e continúase coa reconstrución do terraplén utilizando o material extraído durante a escavación.
