A Xunta inicia cursos de cociña e actividades auxiliares de supermercado en Baiona e Gondomar para persoas en risco de exclusión
A Xunta de Galicia, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, inicia este mes unha serie de cursos ocupacionais destinados a persoas en situación ou risco de exclusión social.
En Baiona, está programado un curso de cociña tradicional de 74 horas, que combinará formación práctica con módulos de igualdade de oportunidades, sensibilización medioambiental e innovación social.
En Gondomar, os interesados poderán participar no curso de actividades auxiliares de supermercado, cunha duración de 124 horas, que tamén inclúe os mesmos módulos complementarios.
Estas accións forman parte da Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2023-2030 e están cofinanciadas pola Unión Europea ao abeiro do programa FSE+Galicia 2021-2027, buscando mellorar a empregabilidade en sectores con amplo abano de oportunidades laborais e favorecer a inserción social e laboral das persoas participantes.
