Tomiño

A Xunta impulsa novas axudas ao comercio de proximidade e renova o selo de mercado excelente de Tomiño

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá en Tui o establecemento Porta da Pía, adherido a Artesanía de Galicia —unha das preto de 50 tendas acreditadas en toda a comunidade—, e posteriormente o mercado municipal de Tomiño, recentemente renovado co selo autonómico de Mercado Excelente.

Durante ambas visitas, o conselleiro destacou as novas iniciativas da Xunta a prol do comercio de proximidade, entre as que salientou a nova orde de axudas ao sector comercial, dotada con preto de 4 millóns de euros e cuxo prazo de solicitude abrirá o vindeiro venres 16, así como a actualización dos trámites para a obtención e renovación do selo de Mercado Excelente, que se publicará este luns 12 no Diario Oficial de Galicia (DOG). Ambas medidas enmárcanse no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030.

José González subliñou que o comercio e a artesanía son sectores clave para o Goberno galego polo seu impacto económico, social e territorial, ao xerar emprego, dinamizar vilas e cidades e contribuír a fixar poboación. Neste sentido, explicou que a nova liña de axudas —publicada no DOG o pasado día 8— está destinada a impulsar a dixitalización, a innovación e a sustentabilidade do comercio retallista e dos obradoiros artesanais galegos.

A orde introduce melloras relevantes, como a ampliación do período subvencionable, que pasa a contar desde o 25 de outubro de 2025, así como a simplificación administrativa e a axilización dos procedementos de concesión e dos pagamentos anticipados. O pasado ano, máis de 700 negocios beneficiáronse destas achegas.

Na súa visita a Porta da Pía, o conselleiro puxo este proxecto como exemplo da diversidade e riqueza da artesanía galega, un sector que tamén é destinatario destas axudas. Ademais, anunciou o incremento da intensidade das subvencións do 80 % ao 90 % para os establecementos integrados no proxecto de dinamización comercial Vilas Vivas. No marco desta iniciativa piloto, que se desenvolve en Ribadavia, a artesanía terá un papel central e en 2026 crearase a Casa da Artesanía, un espazo estable dedicado aos oficios tradicionais e á comercialización de produtos artesanais.

Renovación do selo de Mercado Excelente en Tomiño

Posteriormente, José González desprazouse ao mercado municipal de Tomiño, acompañado pola alcaldesa, Sandra González. Alí destacou o papel estratéxico das prazas de abastos no ecosistema comercial local e a capacidade deste mercado para adaptarse aos novos hábitos de consumo. O conselleiro felicitou aos praceiros e praceiras pola renovación do selo de Mercado Excelente e lembrou que Tomiño foi o primeiro mercado de Galicia en obter esta distinción, no ano 2018.

Na actualidade, só catro mercados galegos contan con este recoñecemento: Tomiño, Pontedeume, Vilagarcía de Arousa e Carballo —este último incorporado recentemente á Rede—, o que evidencia un traballo continuado de mellora. A nova orde que se publicará no DOG actualizará e simplificará os trámites para acadar e renovar o selo, cun obxectivo claro: chegar a 25 prazas certificadas en 2030.

A folla de ruta autonómica inclúe tamén novas accións para 2026, como o programa Prato de Mercado, que fomentará sinerxías coa gastronomía a través de showcookings, así como o reforzo das axudas específicas para estes espazos, cun investimento global de preto de 4,5 millóns de euros destinado á rehabilitación, dixitalización e dinamización das prazas de abastos.

Neste contexto, o mercado municipal de Tomiño recibiu en 2025 arredor de 28.500 euros para actuacións de acondicionamento e mantemento das instalacións, adquisición de equipamento, formación e mentoring para os praceiros e praceiras, así como para o desenvolvemento da campaña Sábados con Sabor.