A Xunta impulsa en Baiona un proxecto piloto para deseñar estratexias locais de economía social adaptadas ao territorio
A Xunta de Galicia puxo en marcha en Baiona un proxecto piloto para a elaboración de plans locais de economía social, unha iniciativa pioneira que busca achegar este modelo ao territorio e apoiar ás entidades locais no deseño de estratexias propias, adaptadas ás súas realidades sociais, económicas e produtivas.
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou esta tarde na primeira xornada participativa celebrada no municipio pontevedrés, na que se deron cita axentes sociais, económicos e comunitarios de Baiona. O obxectivo do encontro foi coñecer de primeira man a visión do tecido local sobre a economía social e avanzar de maneira conxunta na definición do futuro Plan Local de Economía Social de Baiona.
Durante a súa intervención, Mariño destacou que esta iniciativa pretende dotar aos concellos de ferramentas e acompañamento especializado para converter a economía social nun eixo estratéxico de desenvolvemento local. Neste sentido, subliñou as oportunidades que ofrece este modelo en ámbitos como o emprendemento colectivo, a creación de emprego estable e de calidade, a contratación pública responsable e o fortalecemento do tecido produtivo de proximidade.
A directora xeral puxo en valor que este proxecto piloto —que tamén se iniciará en Ribadavia e que nace con vocación de continuidade noutros concellos galegos— inclúe asesoramento técnico especializado, aliñado tanto coa Estratexia Galega de Economía Social Horizonte 27 como coa Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia.
Con esta actuación, a Xunta reafirma o seu compromiso coa economía social como motor de cohesión social, innovación e xeración de emprego estable, consolidando un modelo de desenvolvemento que nace do ámbito local e contribúe ao fortalecemento do conxunto de Galicia.
