Vigo

A Xunta e os hoteis de Vigo celebran o novo récord do Camiño da Costa con máis de 75.500 peregrinos na cidade

— O itinerario xacobeo que pasa por Vigo é o que máis medrou en 2025, cun 20% máis de camiñantes que o ano anterior

— A delegada territorial, Ana Ortiz, lembra que Vigo segue a ser a única cidade europea sen sinalización oficial

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, recibiu este martes á nova directiva da Asociación de Hostalería de Vigo (Ahosvi) para analizar novas vías de colaboración na promoción do Camiño Portugués da Costa. No encontro participaron o presidente, Gabrielle Provezza, e a tesoureira, Beatriz González, cos que compartiu a satisfacción polos excelentes datos acadados este ano.

A falta de tres meses para pechar 2025, a ruta que atravesa Vigo xa suma 75.502 peregrinos, superando todas as marcas históricas. “Superamos a cifra máxica de 75.000 e batemos os 74.759 rexistrados durante todo o 2024, número que en realidade é maior porque non todos os camiñantes recollen a Compostela”, destacou Ortiz.

Segundo os datos da Xunta, o Camiño da Costa é o itinerario que máis medrou este ano, cun 20% de incremento respecto a 2024 e rexistrando en setembro 15.445 peregrinos, máis incluso que o Camiño Portugués tradicional. “Estamos xa nun punto de excelencia que deberiamos todos ter en conta para coidar e fomentar”, subliñou a representante autonómica.

Vigo, a única cidade de Europa sen sinalizar

No encontro, Ortiz lamentou de novo que Vigo continúe sendo a única cidade europea sen sinalización oficial do Camiño. “Temos un diamante que percorre a nosa costa, pasa por Vigo e discorre polas paisaxes máis espectaculares, pero por desgraza temos que lamentar a negativa do alcalde a sinalizar o roteiro, o que provoca que numerosos peregrinos se perdan”, advertiu.

Un plano da cidade para os peregrinos

A reunión serviu tamén para felicitar á nova directiva de Ahosvi e estudar iniciativas como a elaboración dun plano da cidade co percorrido do Camiño Portugués da Costa ao seu paso por Vigo. Este mapa incorporará información turística, puntos de interese cultural e a localización de hoteis e establecementos de aloxamento. Xunta e hostaleiros coincidiron na importancia de reforzar as liñas de colaboración para fomentar a chegada de peregrinos e a súa estancia na cidade.