Oia

A Xunta e o Concello de Oia acordan a reforma da contorna do mercado cun investimento de case 290.000 euros.

A Xunta de Galicia e o Concello de Oia veñen de asinar un convenio de colaboración para levar a cabo a reforma da contorna do edificio do mercado municipal, cun investimento total de 287.963 euros. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, formalizou o acordo xunto coa alcaldesa, Cristina Correa, nun acto celebrado na Casa Consistorial, no que tamén estiveron presentes o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas.

A intervención, enmarcada no Plan Hurbe, permitirá humanizar o espazo público contiguo ao mercado mediante melloras nos acabados, mobiliario urbano, sinalizacións e iluminación, cun deseño que se integrará plenamente na contorna. A conselleira anunciou que a licitación das obras se realizará nas vindeiras semanas, co obxectivo de que estean rematadas ao longo deste ano 2025.

A Xunta financiará o 70% do custo das obras, achegando 201.574 euros, mentres que o Concello asumirá o 30% restante, cunha contribución de 86.389 euros. Ademais das melloras visuais e de accesibilidade, a actuación contempla a renovación das redes de pluviais, saneamento, abastecemento e electricidade, así como a instalación dun sistema de reutilización da auga de choiva e o soterrado das actuais liñas aéreas eléctricas e de telefonía.

María M. Allegue salientou a importancia da cooperación institucional para facer realidade proxectos que contribúan a mellorar a calidade de vida nos concellos, destacando que este novo espazo se converterá nun punto de encontro para a veciñanza e un atractivo máis para visitantes.