Tomiño

A Xunta detecta un novo foco de gripe aviar en aves silvestres en Tomiño

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección dun novo foco de influenza aviar de alta patoxenicidade (IAAP) no concello de Tomiño. O positivo corresponde a un exemplar de gaivota patiamarela (Larus michahellis), que foi recollido e trasladado ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cerdedo-Cotobade, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Tras a súa localización, a ave foi sometida ás correspondentes probas laboratoriais, confirmándose a presenza do virus H5N1 polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid). O cadáver foi eliminado conforme á normativa sanitaria vixente.

Con este novo caso, xa son 22 os focos confirmados en aves silvestres en Galicia no que vai de ano 2025. Desde a Xunta insístese en que, a día de hoxe, non existe ningún caso detectado en aves de corral na comunidade, polo que se lanza unha mensaxe de tranquilidade á poboación.