A Xunta destina máis de 5 M€ a unha senda peonil e ciclista continua entre Vigo e Nigrán
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou este martes a aprobación do proxecto para habilitar unha senda peonil e ciclista que unirá Vigo e Nigrán, cun investimento previsto de máis de 5 millóns de euros. A intervención levarase a cabo ao longo dun treito de 13,3 quilómetros da estrada PO-325 e está previsto que as obras se liciten a finais deste ano.
Rueda, acompañado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou que esta actuación responde á demanda cidadá e ten como obxectivo fomentar a mobilidade sostible, a vida saudable e unhas vilas máis humanas. “É unha obra que pensa na xente, non só nos coches”, subliñou.
O proxecto contempla a mellora e reformulación da senda xa existente entre Vigo e a Ramallosa, no municipio de Nigrán. A nova infraestrutura contará cun ancho tipo de tres metros, con puntos de descanso nos lugares onde o espazo dispoñible sexa menor. Tamén se dotará de zonas verdes, bancos, papeleiras e espazos para o estacionamento de bicicletas.
Ademais, habilitaranse tres áreas de transferencia entre vehículo e bicicleta para fomentar o uso combinado e reducir o uso do coche. No punto quilométrico 12+540 construirase un novo aparcadoiro para axudar a desconxestionar o tráfico da zona.
Segundo indicou o presidente, a senda tamén beneficiará aos peregrinos do Camiño Portugués da Costa, que atravesa esta contorna, cada vez máis transitada. Rueda enmarcou a iniciativa dentro do Plan de Sendas do Goberno galego, que prevé investir máis de 70 millóns de euros ata 2027 para construír 120 novos quilómetros en toda Galicia, sumándose aos máis de 300 xa executados.
Estrada intelixente
Outro dos aspectos salientables do proxecto é a transformación da PO-325 nunha “estrada intelixente”. En colaboración co Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), a Xunta implantará sistemas tecnolóxicos que permitirán obter información en tempo real da vía.
Entre as innovacións, destacan sensores e dispositivos compatibles co sistema V2X que avisarán aos vehículos da presenza de peóns ou ciclistas, así como doutras incidencias como accidentes, retencións ou condicións meteorolóxicas adversas. Ademais, instalaranse cámaras de detección de vídeo en oito puntos considerados críticos pola súa perigosidade potencial na interacción entre usuarios da estrada.
