Nigran

A Xunta dá luz verde ambiental para un campamento de turismo nas Telleiras (Nigrán)

A Xunta de Galicia vén de emitir o informe ambiental favorable ao proxecto dun novo campamento de turismo no lugar das Telleiras, no concello de Nigrán. A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático conclúe que a iniciativa non prevé impactos significativos na contorna, sempre que se cumpra cos condicionantes establecidos na documentación ambiental e no programa de vixilancia.

O proxecto contempla a creación dun establecemento hostaleiro con tendas tipo glamping, catro cabanas prefabricadas e casetas de recepción, nunha superficie de 12.785 m² situada entre os camiños Volta do Médico e Camiño da Reitoral, preto do núcleo rural de Ceán-Lagoiña-Telleira. A capacidade máxima será de 215 persoas, e as edificacións concentraranse na zona de acceso para minimizar a afección sobre o terreo.

A avaliación ambiental, realizada mediante o procedemento simplificado, contou con consulta a nove organismos e non recibiu alegacións durante o período de exposición pública. Os condicionantes fixados refírense á protección de augas e atmosfera, control de ruídos, xestión de residuos, fauna, vexetación e integración paisaxística. O uso de madeira termotratada e cimentación puntual busca unha mellor harmonía co entorno forestal, que se manterá e potenciará.

Tras a emisión do informe, o promotor deberá obter as autorizacións e licenzas necesarias antes do inicio das obras.