BaionaNigranOia

A Xunta aproba un catálogo de 2.003 bens de valor cultural no litoral de Galicia, con 14 en Nigrán, 13 en Baiona e 17 en Oia

A Xunta de Galicia deu luz verde a un catálogo que identifica un total de 2.003 bens de valor cultural no litoral galego, co obxectivo de reforzar a súa protección e impulsar a súa recuperación e uso. O anuncio foi realizado polo presidente, Alfonso Rueda, tras o Consello.

Do total, 44 bens localízanse nos concellos de Nigrán, Baiona e Oia, repartidos en 14, 13 e 17 elementos respectivamente.

En Baiona figuran bens como o Pazo de Cadaval, a lonxa, o porto, o cruceiro e a fonte do Monte do Boi, a Fonte Cristalina, hórreos, muíños de Rocamar e o antigo faro de Cabo Silleiro.

En Nigrán inclúense o monumento de Monteferro, petroglifos como os do Coello e Punta Lamela, o castro e a enseada de Panxón, A Foz, as cocheiras do tranvía e o conxunto da Ponte da Ramallosa.

Pola súa banda, Oia conta con 17 bens vinculados á arquitectura tradicional, muíños e espazos do litoral de valor etnográfico e paisaxístico.

O catálogo inclúe principalmente bens arquitectónicos, aínda que tamén recolle elementos arqueolóxicos, industriais e artísticos distribuídos por toda a costa, con maior presenza na provincia da A Coruña.

A súa inclusión supón que calquera intervención quedará suxeita á normativa de patrimonio cultural, mentres que os concellos deberán integralos no seu planeamento urbanístico. O obxectivo é evitar o abandono e converter este patrimonio nun recurso activo para o desenvolvemento do litoral galego.