A Xunta apoia en Nigrán a campaña ‘É bo que sexa de aquí’ para promover os produtos locais galegos
A localidade de Nigrán acolleu este mércores a presentación da campaña ‘É bo que sexa de aquí’, unha iniciativa promovida por Vegalsa-Eroski coa que se busca fomentar o consumo de produtos alimentarios de proximidade e dar visibilidade ao sector primario galego.
Ao acto asistiron o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, que destacaron o valor dos alimentos producidos en Galicia, tanto no rural como no mar, e a importancia de apoiar aos produtores locais.
Alemparte subliñou a relevancia dos produtos agroalimentarios con selo de calidade, como as denominacións de orixe, indicacións xeográficas protexidas, agricultura ecolóxica ou a artesanía alimentaria, destacando que estes produtos non só teñen garantía de orixe e sabor, senón que tamén representan unha forma sostible de consumo.
Pola súa banda, Cándido Rial puxo en valor os produtos do mar de proximidade, lembrando que mercar peixe e marisco galego é “apostar polo noso mar, pola nosa xente e por un modelo sostible que garante o futuro das novas xeracións”.
Ambos representantes da Xunta agradeceron a colaboración de empresas como Vegalsa-Eroski, que contribúen a achegar estes produtos ao consumidor e a reforzar o tecido económico e social das vilas como Nigrán.
