A Xunta adxudica por 390.000 euros a restauración da sacristía e do coro alto do Mosteiro de Oia
A Xunta de Galicia vén de adxudicar as obras de restauración e posta en valor da sancristía e do coro alto da igrexa do Mosteiro de Oia por un orzamento próximo aos 390.000 euros. A actuación está cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, centrado na conservación de mosteiros e bens singulares vinculados ao Camiño de Santiago na provincia de Pontevedra.
Con esta intervención, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca dar continuidade aos traballos desenvolvidos nos últimos anos para mellorar as condicións de humidade e a estabilidade estrutural do conxunto, favorecendo así a súa conservación a longo prazo.
As obras, cun prazo de execución estimado de nove meses, permitirán incorporar á visita cultural espazos de gran valor patrimonial como o coro alto, a torre barroca, a sala capitular e diversos elementos artísticos destacados. O obxectivo é ampliar o percorrido visitable e poñer en valor zonas ata agora menos accesibles.
Os traballos centraranse na corrección de filtracións na fachada principal, que afectan ao coro alto, e tamén na fachada leste, na zona do arco triunfal. Ademais, completaranse actuacións de drenaxe, reparación da carpintería exterior e intervencións na bóveda de crucería. Tamén se actuará sobre o pavimento da sancristía para eliminar problemas de humidade, habilitando ao mesmo tempo o acceso á base do campanario.
No coro alto levaranse a cabo tarefas de restauración da cantería, incluíndo os catro relevos policromados situados na súa parte central, así como as pinturas heráldicas localizadas nos extremos das portas de acceso ás estancias anexas.
A intervención completarase coa instalación dun novo sistema de iluminación máis eficiente e adaptado ao espazo, así como coa aplicación de tratamentos específicos na madeira, labores de limpeza e desinfección, reposición de pezas deterioradas e revisión de elementos metálicos.
