A Xunta activará cursos AFD que beneficiarán á poboación de Baiona, Nigrán e Gondomar
A Xunta de Galicia destinará 10,5 millóns de euros ao novo plan AFD para formar a preto de 4.700 persoas desempregadas entre 2025 e 2026 na área de Vigo, un investimento que terá un impacto directo no Val Miñor, onde veciños de Baiona, Nigrán e Gondomar poderán acceder a estas accións formativas. A delegada territorial, Ana Ortiz, lembrou que entre 2023 e 2025 a Xunta promoveu 567 cursos a través dos concellos e entidades da contorna viguesa, dos que cada ano se benefician numerosos miñoráns en áreas como sociosanitaria, administración, tecnoloxía, turismo ou comercio.
Ortiz subliñou que o obxectivo é ofrecer formación actualizada e orientada aos sectores máis innovadores, reforzando a inserción laboral nunha comarca cun forte peso nos servizos e no turismo. Os concellos do Val Miñor poderán seguir incorporando cursos AFD, que permiten obter certificados profesionais e mellorar as oportunidades de emprego. A Xunta anima ás persoas desempregadas de Baiona, Nigrán e Gondomar a aproveitar esta nova convocatoria financiada con fondos autonómicos.
