A X ruta musical “Sons do Casco” encherá de música o casco histórico de Baiona o 21 e 22 de xuño
BAIONA acollerá os días 21 e 22 de xuño de 2025 a décima edición da Ruta Musical Sons do Casco, un evento xa consolidado que volverá converter as rúas máis emblemáticas do casco antigo nun gran escenario ao aire libre.
Organizada polas Concellerías de Festexos e Comercio do Concello de Baiona, esta cita musical forma parte da programación cultural do Baiverán 2025, que ofrecerá máis dun centenar de actividades culturais durante os meses de verán.
Logo do éxito acadado na edición anterior coa incorporación da tarde do domingo, a ruta repite formato: dous días completos de música en directo, con 15 grupos musicais repartidos en 8 escenarios ubicados en enclaves como Padre Fernando, Ventura Misa, Diego Carmona, Lorenzo de la Carrera, Pedro de Castro, os Xardíns da Casa da Navegación, a Praza Fonte de Zeta e a Alameda Carabela Pinta.
A programación abrangue estilos musicais para todos os públicos: música cubana, rumba, guaracha, cha-cha-chá, tango, country, blues, folk, pop-rock, rock and roll, cancións propias e versións.
Entre as novidades máis destacadas desta edición, figura a actuación do cantante Álari, exintegrante do grupo Chocolate, coñecido internacionalmente polo seu éxito “Mayonesa”. O artista uruguaio presentará o seu traballo en solitario nesta edición especial da ruta.
Tamén subirá ao escenario o grupo 42° Norte, formado por catro mozos do Val Miñor de entre 12 e 14 anos, que interpretarán temas propios como “Xeración Alfa”, un himno contra o acoso escolar que está a ter gran repercusión.
A cantante galega Noemí Fernández, participante de La Voz 2023, tamén se suma ao cartel, xunto a bandas e artistas xa coñecidos polo público da ruta como Four Passenger, Sin Reserva Acústico e Diego Caride.
Entre os grupos que se incorporan nesta edición figuran Faino Ti, El Cuarto de Tula, The Frankie’s, Bravva!, Me & The Michaels, Sálvora, Natary Feel, Mettro Pop Rock e Dieguitos y Mafaldas.
A Ruta Musical Sons do Casco reafírmase como un escaparate para novos talentos, apostando pola música en directo, de proximidade e accesible, coa colaboración da Deputación de Pontevedra a través do Plan + Provincias 2025