Nigran

A Veciñanza denuncia a perigosidade da estrada PO-2102 ao seu paso por Camos e Chandebrito

A estrada provincial PO-2102, que arrinca no cruce coa Rúa dos Pazos, en Nigrán, e remata en Vincios na intersección coa PO-331, está no punto de mira da veciñanza de Camos e Chandebrito, que denuncia a súa crecente perigosidade tanto para condutores como para peóns.

O vial, de trazado estreito e sinuoso, atravesa de oeste a leste a parroquia de Camos e continúa por Chandebrito, no seu paso polo barrio de Pracíns. Segundo os residentes, a recente instalación de valos quitamedos en numerosas curvas e marxes da estrada, promovida pola Deputación, está a xerar “sensación claustrofóbica” entre os condutores e unha elevada tensión nos peóns, que se ven practicamente acurralados entre o tráfico rodado e as proteccións metálicas.

O pasado 3 de xaneiro presentouse no rexistro da Deputación un escrito acompañado de máis de 660 sinaturas recollidas porta a porta. A iniciativa foi impulsada por veciños en colaboración coa Asociación 1807 de Chandebrito. No documento solicítase que se execute o proxecto de mellora anunciado hai cinco anos para esta vía, do que —aseguran— non se teñen novas sobre o seu desenvolvemento real.

A veciñanza reclama unha actuación integral que aposte pola vertebración territorial, a sustentabilidade, o fomento de hábitos saudables e, sobre todo, pola seguridade viaria. Consideran que as intervencións actuais son “remendos” que non solucionan o problema de fondo e que, pola contra, poderían incrementar o risco de atropelos e colisións debido á estreiteza da vía e á complexidade da circulación.

Os asinantes instan aos responsables provinciais a visitar a zona para comprobar in situ a situación e avaliar a necesidade dunha reforma estrutural que dea resposta ás demandas históricas da contorna.