Gondomar

A Policía Local de Gondomar investiga a aparición de quince cans tirados ao río en Peitieiros

A Policía Local de Gondomar abriu unha investigación tras un cruel suceso rexistrado no río baixo a ponte de O Salgueiro, na parroquia de Peitieiros.

Foi un veciño quen deu a voz de alarma ao escoitar o choro dos animais desde o leito do río. Ao chegar ao lugar, os axentes atoparon con vida cinco cans, mais a segunda inspección revelou unha imaxe tráxica: outros dez exemplares xa sen vida, sumando un total de quince.

O caso engade preocupación entre a veciñanza, pois hai apenas uns meses no mesmo río foran abandonados en bolsas restos de vísceras de ovellas e doutros animais.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, manifestou a súa condena rotunda: “É un acto de crueldade intolerable que nos avergoña como sociedade. Non imos permitir que feitos tan graves queden impunes. Desde o Concello poñeremos todos os medios necesarios para colaborar coa investigación e perseguir aos responsables”.

A Policía Local mantén aberta a investigación para dar co autor ou autores destes feitos e fai un chamamento á colaboración cidadá, lembrando a extrema gravidade dun episodio de maltrato animal que conmocionou ao municipio.