Gondomar

A Plataforma Veciñal por un Gondomar con Servizos concéntrase fronte ao Concello para esixir melloras en abastecemento e saneamento.

Plataforma Veciñal por un Gondomar con Servizos volveu saír á rúa este martes fronte ao edificio consistorial para reclamar avances reais nos servizos básicos do municipio e denunciar a falta de comunicación do goberno local coa veciñanza.

A mobilización foi acordada na asemblea celebrada o domingo 11, na que tamén se valoraron os documentos aprobados no pleno de abril, correspondentes ao futuro contrato de concesión dos servizos de abastecemento de auga potable e saneamento. Este último, ata o de agora de xestión municipal, pasará a mans privadas, un feito que esperta inquietude entre os membros da plataforma, xa que o acordo plenario atópase en fase de exposición pública.

Desde a organización veciñal critican duramente a forma de actuar do executivo local: “Dista moito do que se entende como boa xestión. Están sacando proxectos esquecidos no caixón sen priorización, só para aparentar actividade”, sinalan. Ademais, lamentan a falta de interlocución coa cidadanía: “A única opción que nos queda é mobilizarnos e protestar, para facernos ver e oír”.

A concesión obrigará á empresa adxudicataria a investir preto de 1,7 millóns de euros nos dous primeiros anos, e segundo o goberno municipal, as actuacións previstas con eses fondos serán prioritarias. Porén, desde a Plataforma cuestionan esta previsión: “Non sabemos se a empresa poderá levar a cabo esas obras, porque pode que todo se vaia en reparar instalacións antigas. E aínda máis preocupante: cando será a licitación? Nun ano? Dous? E mentres tanto, que?”.