Oia

A nova xornada de portas abertas celebrarase o 14 de outubro e está dirixida a profesionais do sector primario e artesanal

O Concello de Oia convida a produtores e artesáns a participar na nova xornada de portas abertas do mercado municipal, que se celebrará o luns 14 de outubro ás 10.00 horas. A iniciativa forma parte do programa de encontros para dar a coñecer o renovado espazo, que xa acolleu no mes de setembro unha xuntanza coa hostalaría local, cunha excelente acollida.

Estas sesións permiten tanto presentar o resultado dos traballos de rehabilitación do antigo edificio da praza de abastos como escoitar as propostas e suxestións dos distintos sectores profesionais. O obxectivo é que os futuros usuarios coñezan de primeira man o novo proxecto e participen activamente na súa posta en marcha.

O inmoble, situado nun punto estratéxico á beira da estrada entre Baiona e A Guarda e moi próximo ao Camiño de Santiago, foi completamente rehabilitado para converterse nun espazo polivalente, moderno e enerxeticamente eficiente, pensado como punto de encontro para a veciñanza e motor económico local.

O novo mercado contará con zona de comercialización de produto de proximidade, cafetería e un espazo polivalente para actividades culturais e de lecer.

A intervención permitiu recuperar o edificio histórico, respectando a súa singular cuberta a oito augas, que agora conta cunha nova estrutura de madeira. Mantivéronse tamén as aberturas orixinais na fachada e na cuberta, para garantir a entrada de luz natural, e mellorouse a conexión coa fachada marítima.

No interior destaca un espazo central diáfano, con bancada para público e catro accesos exteriores —un por cada fachada—, que facilitarán a organización de eventos e feiras.