Nigran

A MANCOMUNIDADE DO VAL MIÑOR CELEBRA AS PROBAS DOS SOCORRISTAS CO 100% DE APROBADOS

Presentáronse un total de 31 aspirantes para as 39 prazas, polo que a mancomunidade publicará unha nova oferta nos vindeiros días.

A mancomunidade de concellos do Val Miñor celebrou esta mañá na praia da Ladeira as probas físicas dos 31 aspirantes a socorristas das praias de Nigrán e Baiona, co 100% de aprobados. A totalidade deles superou os exames, polo que só quedarían 8 vacantes, para as que se lanzará unha nova convocatoria nos próximos días.

“A correcta vixilancia dos areais está xa garantida nas mesmas condicións que sempre, pero queremos cubrir a totalidade das prazas para organizar as quendas de traballo e libranzas con máis folgura”, explicou o alcalde de Nigrán e actual presidente da mancomunidade, Juan González.

Este verán os concellos aspiran a contar con 38 socorristas e un coordinador (xa cuberto), catro máis que no 2024, cando se cubriron todas as prazas. Os traballos desenvolveranse do 1 de xullo ao 27 de setembro, con salarios brutos de 1.605 €/mes para os socorristas e 1.526 €/mes para o coordinador. A xornada semanal será de 37,5 horas con descansos regulados. O custe total do servizo ascende a 317.640 €, dos que a Xunta achegará 17.101 € en forma de subvención, e o resto será asumido polos concellos de Nigrán e Baiona ao 50%.

A mancomunidade conseguiu cubrir nos dous últimos anos todas as prazas grazas á oferta de cursos gratuítos impulsados polos concellos, que habilitan para exercer como socorrista en espazos acuáticos naturais. “Trátase dun certificado de profesionalidade moi demandado e cun custe económico elevado, tendo en conta que o traballo é moi estacional. Por iso, en moitos municipios de Galicia hai escaseza de socorristas con titulación válida”, sinalaron dende a entidade.