Tomiño

A Garda Civil investiga a un veciño de Tomiño por un presunto delito de maltrato animal

A Garda Civil de Tui investiga a un home de 39 anos, veciño de Tomiño, como presunto autor dun delito de maltrato animal tras localizar nunha nave da súa propiedade varios cans adultos e cachorros en condicións sospeitosas.

O caso iniciouse o pasado 3 de setembro, cando o SEPRONA de Tui recibiu un aviso no que se alertaba de que o propietario tiña a intención de enterrar vivos 12 cachorros recentemente nacidos. A denuncia incluía a ubicación dunha parcela vinculada á súa empresa.

En coordinación coa Policía Local de Tomiño e coa presenza dun axente medioambiental da Consellería de Medio Ambiente, os axentes desprazáronse ao lugar para comprobar os feitos. Tras entrevistar ao propietario, este recoñeceu que os cans eran seus e que a noite do 1 ao 2 de setembro naceran 12 cachorros. Segundo o seu testemuño, o día 3 atopou catro mortos na finca e decidiu enterralos nunha das naves, extremo que foi confirmado ao exhumar os cadáveres para practicarlles a necropsia.

O home non puido aclarar a localización dos outros seis cachorros desaparecidos. Durante a inspección ocular comprobouse que a parcela está totalmente pechada con muro e valado metálico, cun único acceso a través do portal principal, polo que se descarta a entrada de terceiras persoas.

Ante estes feitos, a Garda Civil procedeu a abrir diligencias de investigación por un presunto delito de maltrato animal.