A Deputación visita as obras de reforma do Campo de Fútbol Municipal do Aral cun investimento de máis de 319.000 euros
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez, visitou as instalacións do Campo de Fútbol Municipal do Aral para coñecer de primeira man o proxecto de reforma integral impulsado polo Concello de Baiona cun investimento total de 319.657,80 euros. A actuación conta con financiamento do Plan Máis Provincia 2024 da Deputación.
Durante a visita foi recibido polo alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña; polo presidente do Erizana, Javier Sumay Martínez; e por membros da directiva do club, que agradeceron tanto ao Concello como á Deputación a súa implicación para mellorar unha das instalacións deportivas máis utilizadas do municipio.
O proxecto contempla unha renovación integral do campo que inclúe a reforma dos vestiarios, mellorando as instalacións interiores, o equipamento e a accesibilidade. Tamén se actúa na grada norte, onde se corrixen os problemas de filtracións da cuberta e se instalará unha viseira frontal para mellorar a visibilidade e protexer ao público da choiva.
Outra das actuacións destacadas é a creación dunha nova cuberta na grada sur, cun tramo central duns 22 metros de lonxitude deseñado para poder ampliarse no futuro. Ademais, renovarase o peche perimetral, que presenta un avanzado estado de deterioro, e actualizarase completamente o sistema de iluminación.
Durante a visita, Luis López estivo acompañado por nenos e nenas das categorías inferiores do Erizana CF, cos que compartiu uns momentos no terreo de xogo. O presidente provincial destacou a importancia desta inversión e a aposta da Deputación polo deporte como un dos eixes fundamentais da súa acción de goberno.
Quen tamén foi xogador de fútbol aproveitou para destacar os valores do deporte e animar ao equipo sénior do club a lograr o obxectivo do ascenso á Primeira Futgal Galicia. “Se gañades esta fin de semana estades en Primeira”, comentou aos xogadores e membros do corpo técnico.
