Baiona

A Deputación organiza en Baiona unha xornada sobre comunidades enerxéticas no marco da oficina +renovables

Baiona acolleu este sábado unha xornada informativa organizada pola Deputación de Pontevedra no marco da súa Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables, unha iniciativa financiada con fondos Next Generation EU. O deputado provincial Javier Tourís, acompañado do alcalde de Baiona e tamén deputado provincial, Jesús Vázquez Almuíña, foi o encargado de presentar a actividade, centrada en explicar que é unha comunidade enerxética e o papel das administracións no seu impulso.

Durante o acto déronse a coñecer os servizos que ofrece esta oficina situada no Centro de Servizos e Apoio Empresarial de Barro, dende onde se promove a creación de comunidades enerxéticas en toda a provincia, especialmente no medio rural e nos concellos afectados polo reto demográfico.

A xornada de Baiona forma parte dun programa de charlas informativas en municipios de menos de 50.000 habitantes, co obxectivo de difundir o modelo de comunidade enerxética, as vantaxes para a veciñanza e o apoio técnico e administrativo que ofrece a Deputación a través de +Renovables.

Ademais da difusión, o proxecto contempla acompañamento personalizado, asesoramento técnico e económico, formación e investigación, así como a creación dunha rede provincial de comunidades enerxéticas. Tamén está en marcha unha oficina móbil e prevese a celebración dun congreso provincial para compartir experiencias e definir estratexias de futuro.

A oficina +Renovables realiza informes técnicos, estudos de viabilidade e análises legais para facilitar a constitución e posta en marcha destes proxectos que permiten a xeración e consumo compartido de enerxía limpa. Unha aposta firme pola sustentabilidade e a autosuficiencia enerxética nos concellos da provincia.