A Deputación destina preto de 125.000 € a entidades de Baiona, Nigrán e Gondomar para actividades culturais
A Deputación de Pontevedra aprobou unha nova liña de apoio ao tecido cultural da provincia que permitirá destinar preto de 125.000 euros a 88 entidades das comarcas de Vigo e do sur da provincia. Entre as beneficiarias atópanse asociacións e agrupacións de Baiona, Nigrán e Gondomar, que desenvolverán programas e actividades culturais ao longo deste ano 2025.
En concreto, en Baiona recibirán axudas a Asociación Folclórica Vila de Baiona e Airiños da Lagoa; en Gondomar, a Agrupación Musical de Vincios e Música Galega de Gondomar; e en Nigrán, a Coral Polifónica Novos Aires, a Asociación Parada do Miñor e a entidade Veganagal.
As achegas oscilan entre os 300 e os 2.500 euros, segundo os proxectos presentados, e permitirán impulsar desde intercambios culturais con outras comunidades autónomas e Portugal ata festivais musicais, encontros de folclore, concertos, faladoiros, mostras de cinema, semanas culturais ou certames.
O presidente da Deputación, Luis López, salientou que “nunha semana mobilizamos medio millón de euros para o impulso da cultura da provincia”, lembrando que tamén están xa operativas as novas axudas provinciais, dotadas con 200.000 euros, dirixidas a agrupacións musicais para a compra e reparación de instrumentos e vestiario.
