Gondomar

A deputación destina máis de 93.000 euros a Gondomar para a reforma do cruce entre a avenida Conde de Gondomar e a rúa Emigrante

O deputado provincial Jesús Vázquez Almuíña anunciou hoxe que a Deputación de Pontevedra financiará ao 100 % a reforma do cruce entre a avenida Conde de Gondomar e a rúa Emigrante. A actuación, valorada en máis de 93.000 euros, será aprobada este venres na Xunta de Goberno provincial a través da liña 1 do Plan +Provincia.

As obras permitirán transformar este punto clave do centro urbano mediante a creación dunha plataforma única que mellorará a accesibilidade e a mobilidade peonil. Reducirase o espazo destinado aos vehículos, limitarase a velocidade do tráfico e ampliarase a zona reservada ás persoas, promovendo así unha mobilidade máis sostible, segura e amable.

Vázquez Almuíña salientou que o Plan +Provincia “responde directamente ás demandas dos concellos e aposta pola modernización das vilas e a mellora da calidade de vida da veciñanza”. Ademais, destacou que Gondomar recibirá este ano un total de 1.115.257 euros con cargo ao programa, dos cales máis de 780.000 euros corresponden á liña de investimentos.

“O cruce da avenida Conde de Gondomar coa rúa Emigrante converterase nun espazo máis humano e accesible, recuperando o espazo público para as persoas”, subliñou o deputado provincial.