A Deputación destina 162.000 euros a Tomiño para novas pistas de pádel e tenis en Mosteiro
A Deputación de Pontevedra aprobará esta semana unha achega de preto de 162.000 euros ao Concello de Tomiño para a mellora da zona deportiva de Mosteiro, en Tomiño, no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.
A actuación permitirá transformar unha pista de tenis en tres novas pistas de pádel e reconverter unha de pádel nunha pista de tenis, ademais de dotar de iluminación moderna todas as instalacións, incluídas outras pistas xa existentes. As novas pistas de pádel serán descubertas, con peche de vidro, céspede sintético e iluminación mediante focos LED, mentres que a pista de tenis contará cunha superficie de formigón poroso con acabado específico para a práctica deste deporte.
O proxecto tamén contempla a renovación do sistema eléctrico, coa instalación dun novo cadro con contador e conexión á rede, garantindo unha maior eficiencia enerxética grazas ao uso de iluminación de baixo consumo.
A directora de Deportes da Deputación, Xisela Aranda, destacou que esta iniciativa forma parte do compromiso da institución por impulsar o deporte na provincia, lembrando que xa se mobilizaron 20 millóns de euros nos últimos tres anos a través destes plans destinados a concellos de menos de 50.000 habitantes.
