A Deputación de Pontevedra destina 5 millóns en axudas que abren unha oportunidade histórica para as asociacións e comunidades de auga do Val Miñor.
Luis López anuncia un reforzo sen precedentes dos plans Provincia Comunitaria, +Aqua e Novaqua para apoiar o movemento veciñal e mellorar a xestión da auga.
A Deputación de Pontevedra realizará unha inxección histórica de 5 millóns de euros nos plans Provincia Comunitaria, +Aqua e Novaqua, co obxectivo de atender case a totalidade das 752 solicitudes recibidas este ano por parte de asociacións veciñais e comunidades de augas da provincia.
O anuncio foi realizado polo presidente provincial, Luis López, durante un encontro con entidades veciñais na sede da Deputación en Vigo, acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez e o deputado responsable de Acción Comunitaria, Javier Tourís. A medida farase efectiva a través dunha modificación orzamentaria que se aprobará no pleno do 30 de maio.
“Non nos conformamos cos bos resultados: decidimos multiplicar o apoio ao movemento veciñal e ás traídas de auga para dar resposta real ás necesidades da veciñanza. Esta é unha aposta firme pola participación, o asociacionismo e a cohesión territorial”, sinalou o presidente.
Reparto do investimento:
- Provincia Comunitaria: pasa de 1,15 a 2,3 millóns de euros, para apoiar melloras en locais sociais e modernización de equipamentos, cunha achega de entre 6.000€ e 10.000€ por entidade.
- +Aqua: tamén se duplica ata os 2,3 millóns, para obras de captación, control e consumo de auga nas comunidades de usuarios, unha liña pioneira recoñecida polo Ministerio de Dereitos Sociais.
- Novaqua: cuadriplica a súa dotación ata os 400.000€, apoiando a regularización das traídas veciñais.
Apoio real, non simbólico
A vicepresidenta Luisa Sánchez destacou que “este goberno pensa nas persoas e actúa en consecuencia, por iso recuperar e reforzar estes plans foi un acerto”. Pola súa parte, Javier Tourís definiu ao movemento veciñal como “o motor dunha provincia participativa e viva”.
“Queremos máis entidades beneficiarias, máis recursos e menos burocracia. Con este esforzo extraordinario, buscamos atender ao maior número posible de proxectos e asociacións”, concluíu Luis López.
Esta medida consolida a aposta da Deputación por un modelo de cooperación institucional sostido no respecto ao labor das asociacións veciñais e comunidades de auga, recoñecéndoas como pezas clave no desenvolvemento local, na loita contra o despoboamento e na mellora da calidade de vida nos concellos da provincia.