A Deputación de Pontevedra celebrará en Gondomar unha nova xornada do programa +Convivir destinada ao movemento asociativo
O Centro Cultural de Vincios, en Gondomar, acollerá este sábado 8 de novembro, a partir das 16:30 horas, unha nova cita do programa provincial +Convivir, impulsado pola Deputación de Pontevedra. A actividade, presentada polo deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, está dirixida ao tecido asociativo e veciñal da provincia, co obxectivo de fortalecer os lazos comunitarios e promover o encontro entre colectivos.
Durante a presentación, Javier Tourís destacou que con +Convivir “xuntámonos, unímonos e gozamos do tempo de lecer, pero tamén reflexionamos sobre temas que nos preocupan como sociedade, como a saúde”. O deputado subliñou ademais que o programa “é unha homenaxe ao movemento veciñal, porque o asociacionismo cumpre un papel esencial na dinamización da provincia e na construción dun proxecto común de futuro”. Nese sentido, lembrou que “desde a creación da área de Acción Comunitaria destináronse máis de 8,2 millóns de euros a asociacións e comunidades de augas, ademais doutras axudas procedentes doutras áreas da Deputación”.
A xornada de Gondomar reunirá centos de persoas e combinará actividades lúdicas e formativas, entre elas unha charla sobre o alzhéimer, un obradoiro de primeiros auxilios e unha sesión de ximnasia de mantemento, ademais de música e un refrixerio final para fomentar a convivencia.
O programa +Convivir é unha iniciativa consolidada que demostra o compromiso da Deputación co tecido asociativo e o seu papel clave no avance social e comunitario. Nesta segunda edición xa visitou Fornelos de Montes, Redondela, Salceda de Caselas, A Lama, Baiona, Rodeiro, Ribadumia e Bueu, e continuará nas vindeiras semanas en Tui. Na pasada edición, preto de 4.000 persoas participaron nas diferentes citas organizadas pola institución provincial en toda a provincia.
