A 15K do Atlántico supera os 1.000 inscritos e terá a saída este domingo en Oia
A 12ª edición da 15K do Atlántico Banco Mediolanum será histórica ao superar por primeira vez o milleiro de corredores inscritos. A proba celebrarase este domingo, 28 de setembro, con saída desde Oia e meta no porto da Guarda, percorrendo o espectacular trazado do Camiño Portugués da Costa.
A presentación tivo lugar este luns xunto ao Mosteiro de Oia, un escenario privilexiado co Atlántico como pano de fondo. As autoridades presentes subliñaron a singularidade desta carreira que combina deporte, paisaxe e solidariedade, unindo tres concellos do Baixo Miño.
Por segundo ano consecutivo, a 15K do Atlántico terá un marcado carácter solidario grazas ao proxecto Mediolanum Aproxima. Toda a recadación irá destinada á Asociación Contra o Cáncer de Páncreas, en memoria de Dani e o seu desexo de “seguir iluminando o mundo”.
Os participantes poderán escoller entre a proba raíña de 15 km, a Mini 15K (7,5 km) ou a andaina de 12 km. As inscricións seguen abertas ata o mércores. Ademais, quen non poida participar poderá colaborar a través da Fila 0 ou mercando a camiseta conmemorativa.
Como novidade destacada, a organización anunciou que a triatleta internacional Saleta Castro será a madriña oficial desta edición. A deportista pontevedresa confesou que a súa irmá Nerea, tamén atleta, parte con máis opcións de alzarse coa vitoria. Castro compartiu tamén a súa experiencia en competicións Ironman e explicou a esixente preparación física que require este tipo de probas de fondo.
