Gondomar

Gondomar UNE talento, cultura e lecer nunha fin de semana aberta á veciñanza

Gondomar celebrará os días 8 e 9 de maio de 2026 GondomarUne, un evento que reúne educación, cultura e ocio cun programa de actividades gratuítas para todas as idades.

A iniciativa, impulsada por Academia Lingoreta, ANPA Pousa de Fontán, Ciencia en Movimiento e a divulgadora María Otero, conta coa colaboración do Concello e pretende dar visibilidade ao tecido educativo e cultural do municipio, ademais de fomentar o sentimento de comunidade.

O venres 8, a programación comezará no Pavillón Bernabé Costas cunha feira de proxectos educativos protagonizada polo alumnado. Pola tarde, a Praza Rosalía de Castro acollerá un concerto didáctico do Conservatorio Municipal (17:00 h). A partir das 18:00 h, no Matadoiro Municipal, haberá dúas charlas: unha sobre neurodiverxencia e outra sobre emprendemento local.

O sábado 9, a xornada arrancará cun taller de primeiros auxilios no Centro Neural (10:00 h) e unha andaina cultural ás 12:00 h. Desde as 11:00 h, o Complexo Deportivo de As Cercas ofrecerá talleres de artesanía, ciencia, xogos e grafiti. Pola tarde, desde as 17:00 h, sumaranse actividades deportivas, skate e música con DJ.

Todas as actividades son de balde, aínda que algunhas requiren inscrición previa a través de códigos QR. GondomarUne preséntase como unha oportunidade para aprender, compartir e poñer en valor a vida cultural e social da vila.