Gondomar

Gondomar recibe luz verde á gran ampliación do polígono da Pasaxe con 400.000 m² industriais

O Pleno da Zona Franca de Vigo aprobou o convenio urbanístico definitivo co Concello de Gondomar para impulsar a Fase II do Proxecto Sectorial de ampliación do polígono de A Pasaxe, unha actuación que permitirá sumar arredor de 400.000 metros cadrados de novo solo industrial.

A decisión desbloquea un proxecto considerado estratéxico para dar resposta á forte demanda de espazo produtivo nun parque empresarial que na actualidade acolle máis de 60 empresas, xera uns 3.000 empregos e supera os 400 millóns de euros de facturación anual. A falta de solo dispoñible viña limitando o crecemento de varias compañías xa instaladas, que non contaban con capacidade para ampliar actividade ou instalacións.

A ampliación será financiada polo Consorcio da Zona Franca e ten como obxectivo facilitar tanto a implantación de novas empresas como a expansión ou reubicación das xa existentes que esgotaron o seu espazo actual. A actuación busca reforzar a capacidade industrial do entorno de Vigo e mellorar a oferta de solo nunha zona de alta presión empresarial.