Baiona organiza a festa das persoas maiores 2026 con prazas limitadas
O Concello de Baiona anunciou a celebración da Festa das Persoas Maiores 2026, un evento especial dirixido á veciñanza de maior idade que terá lugar o vindeiro xoves 28 de maio.
Para asistir será necesario recoller previamente invitación, que se repartirán no vestíbulo do consistorio (planta baixa) entre o 27 e o 30 de abril, en horario de 16:00 a 19:00 horas. A entrega realizarase de forma organizada segundo o ano de nacemento: os días 27 e 28 estarán destinados ás persoas nacidas antes de 1950, mentres que os días 29 e 30 será a quenda das persoas nacidas entre 1951 e 1961, ata maio incluído.
Desde o Concello lembran que é imprescindible presentar o DNI e a carta recibida para poder retirar a invitación. Ademais, subliñan que o evento conta con aforo limitado, polo que as entradas se distribuirán ata completar a capacidade. Unha vez cubertas as prazas, habilitarase unha lista de agarda por orde de inscrición.
A administración local fai un chamamento á responsabilidade da cidadanía, solicitando que aquelas persoas que finalmente non poidan asistir cedan a súa praza para facilitar a participación doutros veciños e veciñas interesados.
