Nigran

Nigrán instala unha caseta de bookcrossing no pavillón de Panxón

O Concello de Nigrán conmemorou o Día do Libro coa instalación dunha caseta artesanal de madeira para bookcrossing situada fronte á entrada principal do Pavillón de Panxón. O moble foi deseñado e elaborado polo alumnado do CEE de Panxón, nun proxecto que combina creatividade, inclusión e fomento da lectura.

O alcalde, Juan González, participou na inauguración xunto aos rapaces e rapazas do centro educativo, destacando o valor desta iniciativa como punto de encontro cultural aberto á cidadanía.

Este novo espazo de intercambio gratuíto de libros permite que calquera persoa poida deixar un exemplar e levar outro sen necesidade de rexistro nin trámites, promovendo así o hábito lector de forma sinxela e accesible. Aínda que o municipio xa contaba cunha caseta similar no CEIP Carlos Casares de Vilariño, impulsada polo profesorado, esta é a primeira situada nun núcleo urbano e dirixida a público de todas as idades.

Desde o Concello explican que serán os encargados de manter abastecida a caseta a través do fondo bibliográfico da Biblioteca Municipal, especialmente con exemplares repetidos, ao tempo que animan á veciñanza a participar activamente doando libros.

“Escollemos este emprazamento porque no pavillón conflúen persoas de todas as idades e é un punto neurálxico. Se funciona, non dubidamos en instalar máis, porque o noso obxectivo é promover a lectura de todas as maneiras posibles”, sinalou o rexedor.

Ademais, o Concello vén de investir 4.000 euros na adquisición de preto de 300 novos libros infantís para a Biblioteca Municipal, todos eles comprados nunha libraría local, mantendo así o seu compromiso co comercio de proximidade e coa ampliación dos recursos culturais dispoñibles para a cidadanía.