Baiona

Baiona inicia as obras de recuperación na Foz do Miñor

O concello de Baiona vén de iniciar esta pasada semana as obras de mellora ambiental na Foz do Miñor, nunha actuación que marca o comezo efectivo dun proxecto moi agardado na zona.

Os traballos, cun investimento de arredor de 65.000 euros, están financiados ao 100% por Galicia Suroeste a través do Plan de Sostibilidade Turística “A Despensa de Galicia”, con fondos europeos Next Generation, e teñen como prazo de execución o vindeiro mes de maio.

A intervención busca recuperar espazos degradados, mellorar as condicións ambientais e adaptar os itinerarios peonís para garantir a accesibilidade universal, ademais de contribuír á redución do risco de inundacións neste enclave natural, compartido co municipio de Nigrán.

Dende o concello sinalan que o inicio das obras supón un paso clave tras un longo proceso administrativo e técnico, que se prolongou durante preto de dous anos debido á complexidade de actuar nun espazo protexido da Red Natura 2000. A actuación conta ademais con control arqueolóxico durante a súa execución.

Este proxecto súmase a outras accións en marcha na contorna da Foz do Miñor e permitirá seguir avanzando na recuperación dun espazo de alto valor ambiental.