Nigran

Nigrán pon fin ás pingueiras do pavillón de Panxón cunha reforma de 340.000 euros

O Concello de Nigrán vén de sacar a licitación a renovación integral da cuberta do Pavillón Municipal de Panxón, cun orzamento de 340.000 euros e prazo aberto ata o 9 de abril para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas.

A actuación busca solucionar de maneira definitiva os problemas de filtracións que afectan á instalación, substituíndo os 2.800 metros cadrados da cuberta por materiais máis resistentes e eficientes. Ademais, mellorarase o selado nas interseccións estruturais, principal punto de entrada da auga, e renovaranse baixantes e canalóns por outros máis duradeiros e menos vulnerables á corrosión.

Parte do investimento, concretamente 188.573,89 euros, estará financiado polo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra.

Segundo explicou o alcalde, Juan González, trátase dunha intervención integral que permitirá deixar atrás as reparacións provisionais que ata agora non lograban resolver o problema de forma duradeira.

O Concello prevé iniciar as obras unha vez rematadas as competicións deportivas que acolle o pavillón, co obxectivo de minimizar o impacto na actividade. Esta mellora súmase á renovación da pista en 2021 e á instalación dunha cortina divisoria en 2023, consolidando así a modernización dun espazo clave para o deporte local, empregado habitualmente polo C.B. Nigrán e polas actividades municipais.