GondomarBaionaNigran

A Deputación aproba investimentos para Nigrán, Baiona e Gondomar no proxecto da “cidade dos 15 minutos”

O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres novos investimentos que afectan a Nigrán, Baiona e Gondomar, tanto a través do Plan Provincia Extraordinaria (Plan Extra) como do proxecto do Val Miñor coñecido como “a cidade dos 15 minutos”.

Este último é un plan de actuación integrado que busca que a veciñanza poida acceder aos servizos básicos —comercio, educación, lecer ou administración— nun tempo máximo de 15 minutos, mellorando a mobilidade, a conectividade e a calidade urbana. O proxecto está valorado en 7,2 millóns de euros, financiado nun 60 % con fondos europeos FEDER e co resto achegado pola Deputación e os concellos.

No pleno tamén se aprobaron os convenios cos tres municipios para executar as actuacións previstas dentro deste modelo urbano, que deberán ser cofinanciadas polas administracións locais.

En paralelo, Nigrán, Baiona e Gondomar figuran entre os concellos beneficiarios da segunda convocatoria do Plan Extra, que repartirá preto de 37 millóns de euros para proxectos municipais. Porén, a Deputación non detallou que actuacións concretas se levarán a cabo en cada localidade.