O xornalista Fernando Franco, vigués distinguido a título póstumo, tamén un nigrán de corazón
Unha asociación veciñal de Chandebrito presentou unha reclamación formal ao Orzamento Xeral do Concello de Nigrán para 2026, aprobado inicialmente no pleno do pasado 3 de marzo, ao considerar que non inclúe ningunha partida destinada á mellora da antiga escola infantil da parroquia, o único inmoble de titularidade municipal existente nela.
Segundo denuncian, o edificio leva arredor de dúas décadas sen actuacións de conservación, o que provocou un notable deterioro. Entre as deficiencias destacan o mal estado do parque infantil, con xogos perigosos; mobiliario estragado; papeleiras e bancos danados; presenza de abundante matogueira con risco en caso de incendio; así como problemas estruturais como tellas desprendidas, valados deteriorados ou elementos metálicos oxidados. Tamén sinalan carencias no interior, como o mal estado do pavimento, a falta de aseos no baixo ou a deterioración da pintura.
A entidade asegura que esta situación supón un risco para as persoas usuarias e lembra que leva anos solicitando actuacións ao Concello sen obter resposta efectiva. Entre as peticións rexistradas figuran escritos presentados desde 2015 ata 2025, incluíndo unha memoria valorada das intervencións necesarias.
Ademais, subliñan o valor histórico e etnográfico do inmoble, construído en 1918 e con uso educativo documentado desde 1923, situado xunto a outros elementos patrimoniais da parroquia. Tamén lembran que se trata dun espazo clave, ao poder ser utilizado como local electoral.
Por todo isto, a asociación solicita que o pleno non aprobe definitivamente os orzamentos tal e como están e que se incorpore unha partida específica para garantir a seguridade, salubridade e posta en valor deste edificio emblemático de Chandebrito.
