OiaTomiño

O PP reforza a súa estratexia no Baixo Miño de cara ás municipais de 2027.

O presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, mantivo unha reunión de traballo en Tomiño con alcaldes, voceiros e concelleiros das comarcas do Baixo Miño e A Louriña co obxectivo de iniciar a preparación das eleccións municipais de 2027.

No encontro participaron representantes populares de municipios como Tui, A Guarda, O Rosal, Oia e Tomiño, entre outros, nunha xuntanza na que López destacou o papel do seu partido como “único garante dos intereses da veciñanza” destas comarcas, que suman máis de 96.000 habitantes.

O tamén presidente da Deputación puxo en valor os investimentos realizados polas administracións gobernadas polo PP, como a Xunta e a institución provincial, citando actuacións en infraestruturas, servizos sociosanitarios, saneamento ou apoio ás comunidades de augas. “Sempre apostamos polo sur da provincia con feitos e políticas orientadas á mellora da calidade de vida da xente”, afirmou.

Ao mesmo tempo, criticou con dureza ao Goberno central polos “esquecementos e incumprimentos constantes” co territorio. Entre as cuestións sinaladas mencionou a situación do río Miño, as deficiencias no transporte ferroviario, o estado das estradas e autovías ou a falta de avances na gratuidade da AP-9.

López tamén advertiu de problemas na cobertura de telecomunicacións e denunciou recortes en seguridade cidadá e dependencia. “Estamos ante un Goberno que discrimina estas comarcas”, sinalou, ao tempo que fixo un chamamento a reforzar o apoio ao PP como “única alternativa” de cara aos comicios locais.

A reunión serviu así como punto de partida para coordinar a acción política do partido no Baixo Miño e intensificar o traballo territorial de cara á próxima cita electoral.