Tomiño

As socialistas de Tomiño denuncian a presunta actividade ilegal dun prostíbulo en Forcadela

O grupo municipal socialista de Tomiño vén de denunciar publicamente a situación dun local situado na parroquia de Forcadela, coñecido como “Dolce Vita”, ao que atribúen unha presunta actividade ilegal vinculada á prostitución. Segundo explican, xa no mes de xullo de 2025 advertiran do inicio dunha actividade “dubidosa” baixo a aparencia de pub, que, aseguran, carecía da correspondente licenza de apertura.

As socialistas sinalan que, naquela altura, a propia alcaldesa recoñecera a existencia de ata once denuncias formuladas pola Guardia Civil relacionadas con este establecemento. Porén, lamentan que, lonxe de solucionarse, a situación non só continúa senón que “empeorou notablemente” co paso dos meses.

Entre os problemas detectados, destacan a reiteración de disturbios durante as fins de semana, que se prolongan ata altas horas da madrugada e mesmo ben entrada a mañá, incumprindo presuntamente os horarios de peche. A isto súmanse, segundo indican, as continuas intervencións tanto da Garda Civil como dos servizos sanitarios, o que estaría a xerar unha crecente sensación de inseguridade e malestar entre a veciñanza da zona, que ve alterado o seu descanso diario.

O grupo socialista asegura ter recollido información que apuntaría a que o local segue operando unicamente cunha comunicación previa, sen que o goberno municipal realizase requirimentos adicionais de documentación. Esta situación, explican, podería derivar na revogación do título habilitante e permitir a paralización da actividade se se actuase desde o departamento de urbanismo.

Así mesmo, critican con dureza a inacción do executivo local, ao que acusan de permitir que un establecemento destas características funcione “con impunidade”. Neste sentido, esixen medidas inmediatas, como a solicitude de informes ás forzas de seguridade e a presentación dunha denuncia no xulgado, ademais da intervención administrativa correspondente.

Finalmente, as socialistas enmarcan a súa denuncia nun posicionamento político máis amplo contra a prostitución, que consideran unha forma de violencia e explotación. Anuncian tamén a presentación dunha moción no pleno para declarar Tomiño como un concello libre de prostitución e reiteran a súa esixencia de peche deste tipo de negocios.