Paco Ferreira denuncia “falta de respeto” e de “confundir á cidadanía” na visita do presidente da deputación á estrada de prado vilas
O pleno de Gondomar analizou a polémica xerada tras a visita á estrada de Prado Vilas do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Dieguez, acompañado da portavoz do PP local e deputada provincial, Paula Bouzós, para avaliar sobre o terreo o desprendemento rexistrado na vía.
O alcalde, Paco Ferreira, denunciou que se tratou dunha “falta de respeto total” cara ao Concello. “Non avisaron ao Concello nin da visita institucional. Non dixeron que ían facer as obras, non avisaron aos veciños e apareceron alí armados para facer vídeos e fotos”, afirmou.
Ferreira tamén criticou a información difundida, que presentaba a actuación, valorada en 85.000 euros, como unha colaboración co Concello. “Dan a entender que viñeron arranxar un camiño municipal cando a estrada é da Deputación. Non colaboran, executan unha obra que lles corresponde. Isto confunde á cidadanía”, subliñou.
O rexedor lembrou que non é a primeira vez que se producen visitas de responsables provinciais a espazos municipais sen aviso previo e que estas situacións xa foran denunciadas con anterioridade. De feito, Ferreira levou esta queixa ao pleno da Deputación despois dunha visita dun deputado provincial, acompañado de Paula Bouzós cando aínda non era deputada, a unha dependencia municipal para visitar unha asociación, sen comunicación previa ao Concello.
Ademais, esta falta de coordinación tamén foi criticada polo alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, quen denunciou visitas da Deputación a instalacións públicas sen consentimento nin aviso previo.
Ferreira insistiu na necesidade de manter lealdade e coordinación entre administracións para evitar actuacións que xeren malestar institucional e confusión entre a cidadanía.
