Pechado ao tráfico o vial de Monte Lourido tras o desprendemento do domingo
O Concello de Nigrán mantén pechado ao tráfico o vial que rodea Monte Lourido logo do desprendemento rexistrado o pasado domingo na ladeira do enclave, preto das calas e nas inmediacións dunha vivenda.
A decisión adoptouse por motivos de seguridade, ante o risco de novos movementos de terra tras a sucesión de temporais das últimas semanas.
A ladeira afectada atópase valada polo Concello, do mesmo xeito que o propio vial, que conta con valos colocados nos accesos para impedir o paso de vehículos mentres se avalía a estabilidade do terreo e se determinan as actuacións necesarias.

