Chandebrito reforza o coidado do seu patrimonio e espazos comúns con máis de 150 horas de traballo comunitario en 2025
A Asociación Veciñal e Cultural Chandebrito 1807 desenvolveu ao longo do ano 2025 un amplo plan de traballos en beneficio da parroquia de Chan de Brito, ao abeiro do convenio asinado co Goberno Central o 30 de outubro de 2012. En total realizáronse 154 horas de actuación, executadas por catro persoas penadas, centradas na mellora de espazos públicos, no coidado do medio natural e na posta en valor do patrimonio cultural.
As actuacións incluíron a roza de camiños veciñais e rutas de sendeirismo, a recollida e reciclaxe de residuos —preto de 30 quilos—, a sinalización de accesos e lugares de interese, así como a limpeza de fontes, lavadoiros e bens etnográficos. Entre os traballos máis destacados figura o mantemento integral do muíño dos Matos, da súa contorna e do regato, ademais de intervencións en varias vías polas que discorre a ruta histórica e etnográfica de Chandebrito.
Tamén se realizaron e colocaron tres reixas de protección, reparáronse ferramentas e avanzouse na valorización da toponimia tradicional, coa instalación de catro placas de pedra gravadas con doce topónimos e a limpeza doutras seis xa existentes.
O responsable do plan, Carlos Gómes, valorou moi positivamente o traballo realizado e avanzou que en 2026 se prevé un novo programa, centrado na limpeza do monte veciñal próximo ás vivendas, camiños, fontes e bens culturais, con especial atención aos accesos aos petroglifos. A asociación recollerá ademais as propostas da veciñanza para priorizar futuras actuacións de interese público.
